Spyware

O software espía ou spyware son aplicacións maliciosas ou enganosas que se instalan de xeito inadvertido xunto con outros programas que descarga o usuario. Estes tipos de programas poden executar varias accións diferentes: algúns dedícanse a recompilar información do sistema no que están instalados para despois enviala a través de Internet.

Outros dedícanse a mostrar continuamente publicidade non desexada ou a modifica-las páxinas vistas ou non existentes no orixinal. Todas esas accións enmascáranse detrás de autorizacións confusas, polo que normalmente o usuario non é consciente do que sucede.

Outro dos defectos dos spyware máis intrusivos é que poden cambia-la nosa páxina de inicio por outra, escollida polo programa espía, que tanto pode ser unha páxina en branco como unha de contido dubidoso. Se se intenta restaura-la páxina de inicio desde as opcións do navegador, comprobarase que non é posible. Os cambios realizados polo espía nos rexistros do sistema non o permiten. Para evita-los inconvenientes producidos por este tipo de programas espía, recoméndase empregar programas antiespía. Estes programas funcionan dun xeito parecido ós programas antivirus, pero analizan o sistema en busca de programas espía e elimínanos. Non son incompatibles cos programas antivirus, senón complementarios. Se témo-los dous instalados no ordenador, estaremos mellor protexidos de posibles intrusións no noso sistema.